A travesía
A viaxe compoñíase de 2.500 km. por mar, desembarque no porto da
Coruña e, dende alí, continuar a peregrinación por terra ata Santiago.
Faríase de forma espaciada en tres anos, a razón de 6 semanas de
navegación por ano.
Os remeiros embarcaban o 23 de maio de 2014 en Dublín, dende un
punto próximo a Saint James Gate – a porta de Santiago- dende onde
partían os peregrinos medievais e levaban consigo o pasaporte de
peregrino. Durante a travesía van experimentado vivencias, coñecen
os sitios nos que recalan, relaciónanse coas súas xentes.
Contratempos, tesón e esforzo, pero tamén momentos de esparcimento
nos diferentes portos e longas xornadas de cantos, risas e
complicidade.
Unha vez concluídas as etapas, arriban ao porto coruñés e trasladan o
bote a Santiago e, ante o asombro dos viandantes, pasean a
embarcación a ombros polas rúas compostelás. Pese a que non
conseguen levar o bote ata o altar maior da catedral, entraron cos
remos. Xa no interior do templo Danny Sheehy, impulsor do proxecto,
tivo a honra de ler a invocación ao Apóstolo Santiago en irlandés na
catedral de Santiago, cando se cumprían 800 anos da primeira
peregrinación irlandesa.
No verán de 2017, dispostos a seguir remando, a tripulación regresa a
Galicia co fin de percorrer a costa Atlántica.