O “NAOMH GOBNAIT”
En 2014 Danny Sheehy, poeta, pescador e mestre de carpintería,
decidiu construír artesanalmente un bote tradicional irlandés para
emprender unha travesía desde Dublín a Santiago de Compostela. O
“currach”, que así se denomina este tipo de construción, é un tipo de
barco cun marco de madeira, sobre o que se estiraban peles de
animais, aínda que agora o lenzo é o máis habitual. A construción e o
deseño do currach son exclusivos das costas occidentais de Irlanda.
Coñécese como “naomhóg” nos condados de Cork, Waterford e Kerry
e como "canoa" en West Clare.
Danny coa axuda do artista Liam Holden e a colaboración doutros amigos, foi dando
forma ao seu naomhóigh. Cortaron as madeiras, de roble e de pino,
prepararon e ensamblaron listóns, bordas, cuadernas, barraganetes…
Completado o esqueleto, forrárono cos lenzos que conforman o casco,
prepararon a brea e, coidadosamente, procederon á súa
impermeabilización. Cos largos remos sen pala, o mástil e a vela,
completaron o bote. Quedaba así listo para comenzar as probas de mar
e, finalmente, lanzarse á aventura xunto a tres amigos máis en 2014.
Nacía así o “Naomh Gobnait”, unha embarcación que pronto se
convertiría en emblema do Camiño por mar.